Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición no Campamento de Nadal 2014


Terá lugar ao longo de 10 días e inclúe inmersión lingüística en inglés

O Concello de Oroso convoca o seu Campamento de Nadal 2014, dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos e que terá lugar ao longo de dez días, coincidindo coas vacacións escolares (22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e 2, 5 e 7 de xaneiro). Ás tradicionais actividades lúdicas, manualidades e xogos incorpórase este ano unha novidade: todo o programa terá lugar en inglés.

As cotas de inscrición dependen do número de horas nas que o rapaz participe na actividade (5 ou 8 horas) e de se queda a xantar ou non. A colaboración do Concello de Oroso e a empresa Trastes para a organización desta iniciativa permitirá ampliar o número de opcións para os pais e nais, que poderán escoller a opción que mellor se adecúe ás súas necesidades. Así, os prezos xerais serán de 60 euros (para o horario de 9:00 a 14:00 horas) e de 90 euros (de 7:00 a 15:30 horas). Outra das novidades é que se permite a participación por días soltos, coas tarifas de 7 e 10 euros, respectivamente.

Ademais, por primeira vez se ofrece tamén a posibilidade de que os pais compatibilicen outros horarios, de xeito que a hora adicional se abonará a 5 euros. Tamén haberá acceso a outros servizos como almorzo (2 euros), xantar (5 euros) ou merenda (3 euros). As persoas interesadas en que os seus fillos e fillas poidan participar neste programa deberán formalizar a inscrición no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro (981 69 09 03) ou en Trastes (881 981 905).